Thursday 02 de May de 2024

Rueda destaca a Pepe Domingo Castaó como “un dos nosos” debido ao orgullo co que presumía sempre da súa terra


— Salienta que a súa figura sempre seguirá presente grazas tamén á praza que leva o seu nome desde hai uns meses no casco vello de Padrón

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o orgullo co que falaba Pepe Domingo Castaño de Galicia, presumindo sempre de ser galego e representando a “un dos nosos, un deses bos e xenerosos, porque aínda que non estivera aquí todo o tempo, sempre levaba un cachiño de todos nós e o imos seguir recordando con alegría”, asegurou durante a homenaxe que se organizou esta mañá en Padrón na memoria do xornalista falecido.

O titular da Xunta lembrou a última ocasión na que se lle rendeu homenaxe hai uns meses nese mesmo concello co nomeamento dunha praza que leva o seu nome desde entón. “Non se foi, segue aquí e cada vez que alguén veña a este casco vello vaise acordar del”, asegurou, facendo referencia a que o nome de Pepe Domingo Castaño xa forma parte da historia de Padrón ao carón doutros nados nesta localidade como Camilo José Cela ou Rosalía de Castro.

Cunha longa traxectoria profesional que o converteu en referente do xornalismo deportivo en España nas últimas décadas, Alfonso Rueda quixo renderlle homenaxe a Castaño facendo alusión ao seu estilo propio. “Igual que Pepe Domingo dicía “hola, hola” e todo o mundo o recoñecía, témoslle que dicir “ata sempre, ata sempre Pepe; seguimos contigo alá onde esteas”.